A ONU declarou este ano 2011 International Year of Forests, e é a segunda vez que as fragas teñen o seu Ano Internacional; a primeira foi no 1985, cando se pediu aos estados membros da FAO que adicasen aquel ano a coidar e protexer os bosques e mobilizar aos cidadáns para que participasen en accións destinadas á súa conservación.
Aínda que é certo que o Ano Internacional dos Bosques debería ser tódolos anos, non está de máis que de cando en vez nos lembren a importancia das nosas forestas, porque ás veces parecemos esquecelo; roubámoslle terreo aos bosques para construir e urbanizar, talamos as nosas fragas para facer cultivos que dean cartos rapidamente, non damos controlado o problema dos incendios...o perigo que están a correr os bosques, e nós con eles, non é pequeno.
Segundo o Banco Mundial, a deforestación causa ata un 20 por cento das emisiónss globais de gases de efecto invernadoiro, que contribuen ao quentamento global e, con iso, ao cambio climático, ademais de facer que se extingan numerosas especies; sabías que dous tercios de tódalas especies que viven sobre a Terra habitan nos bosques? e sabes que a deforestación de bosques tropicais fai que desaparezan 100 diferentes cada día?
Para que che fagas unha idea da magnitude do problema, pensa que tódolos días se destrue no mundo unha superficie de bosque equivalente a 40.000 campos de fútbol, ou que nos últimos dez anos perdéronse un total de 93,9 millóns de hectáreas de superficie forestal, o que é o mesmo que dicir 5,6 millóns de campos de fútbol cada ano.
En España soamente nos queda de bosque arredor dunha cuarta parte do territorio, e neles estase a perder a biodiversidade, co que aumenta o risco de erosión do terreo. Ademáis, os nosos bosques están moi fragmentados, de xeito que é difícil que as especies vexetais e animais que os habitan se dispersen e teñan continuidade en outro lugar; deixámolas ailladas no seu recuncho, ameazadas coa extinción
Temos por diante un ano enteiro adicado aos bosques e ás árbores, para aprender a aprecialos e coidalos como refuxio da vida que son, como fonte de recursos naturais, como espazo de lecer, como reguladores do ciclo da auga e como os nosos aliados na loita contra o cambio climático. E imos comeza-lo ano xogando, que é unha das mellores maneiras de aprender; Edufores ofrécenos un estupendo xogo, convidándonos a dar un paseo polo bosque; sorte na travesía e que gañe o mellor!
Comentarios